Curtis

TRANSFORMANDO A VILA COA PARTICIPACIÓN PROTAGÓNICA

Traballando coa Literatura Galega, Lupe Gómez

As propias figuras de nenas, nenos e adolescentes (as súas siluetas, corpos e xestos) convértense en protagonistas visuais do espazo urbano. Non se trata de representalos, senón de que eles mesmos se inscriban na paisaxe coa súa escala, a súa linguaxe e a súa presenza viva. A súa imaxe ocupa fachadas, paredes e muros, intervindo o contorno urbano coa súa identidade colectiva e a súa potencia simbólica.

Carta para o dramaturgo Francisco Pillado.

Barrio dos lápices de cores:

Querida lanterna para ver ben de noite:

Sabes quen vai gañar as eleccións por maioría absoluta?

Vai gañar unha nena coa que eu estiven xogando o sábado pola tarde. Ten cinco ou seis anos. Regaleille unha pintura de Fidel Vidal, e púxose moi contenta. Ela ensinoume o debuxo dunha bolboreta, feito por ela mesma. Eu díxenlle: “Me gustan mucho las mariposas”, e ela riu. A nena fanlle graza as cousas dos adultos, porque ela ten uns ollos pequeniños, directos. A mirada subversiva das nubes. As fotografías dos mortos cando van a votar. A nena xoga cunha vasoira, como se ela fose unha bruxa, como se ela fose un político moi humano e moi cercano á xente. Eu teño decidido o meu voto. Voulle votar a esa nena, porque os seus xestos realmente convéncenme e fanme sentir ilusión. Imaxino a esa cativa sentada na escaleira do fotógrafo Xurxo Lobato e contestando as preguntas previsibles dos xornalistas. A rapaza xoga, e non se deixa enganar pola retórica e pola palabrería baleira do mundo. A nena ri porque ela é espía dos sentimentos ocultos das persoas, dos cidadáns. A “rapaza política” le ese fermosísimo libro da editorial Laiovento, no que o escritor Xulio López Válcarcel fala de Miguel González Garcés, o mineiro de luz e bosques brillantes. As compañías de telefonía móbil deciden cando temos que falar. Se a promoción é para que falemos – de balde- as fins de semana, teremos que falar os domingos aínda que non sexamos faladores, aínda que non teñamos nada que dicir. A nena xoga. A meniña traballa. A cativa non fala. Estou relendo moitos libros gastados polo paso do tempo, e sintome renovada. Amo o teatro político que escapa correndo cando hai festa nas nubes.

Lupe Gómez.

Colorea a túa vila

A vila ou cidade na que estamos traballando convertida nun taboleiro de xogos, laboratorio de experimentación no que as nenas, nenos e adolescentes poidan actuar dende un novo punto de vista.

Grazas polo teu aporte