Teixeiro
Participación protagónica coa literatura galega
Participación protagónica
O dereito da infancia e da adolescencia en PARTICIPAR na CONSTRUCIÓN da súa VILA ou CIDADE formando parte dunha CIDADANÍA ACTIVA, de tal forma que sexan partícipes e executores dos cambios na súa contorna.
Para que exista ese protagonismo, a INFANCIA e ADOLESCENCIA debe reflexionar sobre a súa contorna (espazo no que desenrolan a súa vida), o seu contexto e propoñer solucións de cambio, é dicir, tomar conciencia do que implica ser suxeito de dereito e a importancia que pode ter a súa participación como motor de cambio do resto da sociedade.
E digovos:
Si eu tivese o carreiro para chegar a Prometeo
basoiraría a sombra que vos pon pesadelos nas meniñas,
a noite tecida cos fíos do medo
que nalgún tempo argallastes
-non sei cándo-,
deuses do escuro,
sombra das nais abraiadas que paren si saber
Pois é xa tempo de sachar as searas da vida
para que naza trigo dourado,
maínzo que faísca ao sol, vendima ardente
Pois é xa tempo de baleirar o pozo mouro,
de quitarlle o loito ás augas
É xa tempo da loita co Leviatán langrán
que inza a terra facéndoa formigueiro de terrores
É xa tempo
E pregúntolle á poesía polo sentido,
pero a poesía é coma o mendiño tirado na aceira:
unha demanda na desolación,
unha man que se alonga cara o frío da tarde
e que fica, aterecida de espazo, no grisallento solpor
Ela é este branco silencio do papel
coas interrogantes todas,
esta claridade agardando,
esta nevada restreba
que un quixera sementar de verbas criadoras, de versos acesos coma soles en sazón
para parir non se sabe qué leiras de sentido,
qué ringleiras de pensamentos que canten a inocencia
Así, debullo as letras coma millo
no goxo dos enigmas que atopei cando nacín
E remexo os alfabetos coma se fai coa sorte,
pois o sentido está alén das verbas
e do canso xesto dos escribas,
alén do meu oficio de remexer
Ánxeles Penas