Curtis
Participación protagónica coa literatura galega
Participación protagónica
O dereito da infancia e da adolescencia en PARTICIPAR na CONSTRUCIÓN da súa VILA ou CIDADE formando parte dunha CIDADANÍA ACTIVA, de tal forma que sexan partícipes e executores dos cambios na súa contorna.
Para que exista ese protagonismo, a INFANCIA e ADOLESCENCIA debe reflexionar sobre a súa contorna (espazo no que desenrolan a súa vida), o seu contexto e propoñer solucións de cambio, é dicir, tomar conciencia do que implica ser suxeito de dereito e a importancia que pode ter a súa participación como motor de cambio do resto da sociedade.
Carta para o dramaturgo Francisco Pillado.
Barrio dos lápices de cores:
Querida lanterna para ver ben de noite:
Sabes quen vai gañar as eleccións por maioría absoluta?
Vai gañar unha nena coa que eu estiven xogando o sábado pola tarde. Ten cinco ou seis anos. Regaleille unha pintura de Fidel Vidal, e púxose moi contenta. Ela ensinoume o debuxo dunha bolboreta, feito por ela mesma. Eu díxenlle: “Me gustan mucho las mariposas”, e ela riu. A nena fanlle graza as cousas dos adultos, porque ela ten uns ollos pequeniños, directos. A mirada subversiva das nubes. As fotografías dos mortos cando van a votar. A nena xoga cunha vasoira, como se ela fose unha bruxa, como se ela fose un político moi humano e moi cercano á xente. Eu teño decidido o meu voto. Voulle votar a esa nena, porque os seus xestos realmente convéncenme e fanme sentir ilusión. Imaxino a esa cativa sentada na escaleira do fotógrafo Xurxo Lobato e contestando as preguntas previsibles dos xornalistas. A rapaza xoga, e non se deixa enganar pola retórica e pola palabrería baleira do mundo. A nena ri porque ela é espía dos sentimentos ocultos das persoas, dos cidadáns. A “rapaza política” le ese fermosísimo libro da editorial Laiovento, no que o escritor Xulio López Válcarcel fala de Miguel González Garcés, o mineiro de luz e bosques brillantes. As compañías de telefonía móbil deciden cando temos que falar. Se a promoción é para que falemos – de balde- as fins de semana, teremos que falar os domingos aínda que non sexamos faladores, aínda que non teñamos nada que dicir. A nena xoga. A meniña traballa. A cativa non fala. Estou relendo moitos libros gastados polo paso do tempo, e sintome renovada. Amo o teatro político que escapa correndo cando hai festa nas nubes.
Lupe Gómez.