Ribadeo
TRANSFORMANDO A VILA COA PARTICIPACIÓN PROTAGÓNICA
A vila como taboleiro de xogo
En A Vila do Mañá, cada vila ou cidade pode converterse nun TABOLEIRO DE XOGO, pero o taboleiro non aparece ao inicio do proceso: constrúese pouco a pouco a partir da maneira na que nenas, nenos e adolescentes van descubrindo e reinterpretando o lugar que habitan.
Nas primeiras aproximacións, a súa visión da vila ou cidade adoita estar moi vinculada aos espazos da vida cotiá e do consumo: a casa, o coche, o centro educativo, o centro comercial, o polideportivo ou o parque infantil. Un percorrido de caixa en caixa no que rúas, prazas, edificios, paisaxes e outros elementos da contorna poden pasar desapercibidos.
A través do xogo, dos percorridos, da observación e da experimentación, buscamos ampliar esa mirada. O grupo participante comeza a descubrir outros lugares, detalles, arquitecturas, historias, paisaxes e espazos cotiáns; elementos que observa de novo, interpreta e acaba recoñecendo como parte da identidade da súa vila ou cidade.
Son esas eleccións as que finalmente constrúen o TABOLEIRO DE XOGO: unha representación colectiva que non parte dunha cartografía oficial, senón da transformación da mirada de quen participa e dos novos vínculos que vai establecendo co lugar.
Cada taboleiro conta así non só como é unha vila ou cidade, senón como nenas, nenos e adolescentes aprenderon a mirala doutra maneira.
