RIBADEO

 

TRANSFORMANDO A VILA COA PARTICIPACIÓN PROTAGÓNICA

 

 

A  VILA COMO TABOLEIRO DE XOGO

 

En A Vila do Mañá, cada vila ou cidade pode converterse nun TABOLEIRO DE XOGO, pero o taboleiro non aparece ao inicio do proceso: constrúese pouco a pouco a partir da maneira na que nenas, nenos e adolescentes van descubrindo e reinterpretando o lugar que habitan.

Nas primeiras aproximacións, a súa visión da vila ou cidade adoita estar moi vinculada aos espazos da vida cotiá e do consumo: a casa, o coche, o centro educativo, o centro comercial, o polideportivo ou o parque infantil. Un percorrido de caixa en caixa no que rúas, prazas, edificios, paisaxes e outros elementos da contorna poden pasar desapercibidos.

A través do xogo, dos percorridos, da observación e da experimentación, buscamos ampliar esa mirada. O grupo participante comeza a descubrir outros lugares, detalles, arquitecturas, historias, paisaxes e espazos cotiáns; elementos que observa de novo, interpreta e acaba recoñecendo como parte da identidade da súa vila ou cidade.

Son esas eleccións as que finalmente constrúen o TABOLEIRO DE XOGO: unha representación colectiva que non parte dunha cartografía oficial, senón da transformación da mirada de quen participa e dos novos vínculos que vai establecendo co lugar.

Cada taboleiro conta así non só como é unha vila ou cidade, senón como nenas, nenos e adolescentes aprenderon a mirala doutra maneira.

 

 

 

 

 

“Cada cidade ten a súa historia, os seus puntos de referencia. Non me refiro só a aquelas construcións que se clasifican como marcas importantes do patrimonio histórico da nación. Refírome, principalmente, aos lugares que pertencen á memoria da cidade e que son puntos fundamentais da súa identidade, do sentimento de pertenza a unha cidade. Xa sexa unha fábrica, unha parada do antigo tranvía ou unha daquelas tendas de comestibles que o tiñan todo inxenuamente exposto.”

Jaime Lerner

 

 

O TABOLEIRO DE XOGO constrúese a partir de todo este proceso de descubrimento. Os debuxos, percorridos, conversas, experiencias e rexistros realizados durante as distintas accións permiten identificar aqueles elementos que foron adquirindo presenza e significado ao longo do traballo coa vila ou cidade.

A partir deste material configúrase unha representación na que conviven arquitectura, patrimonio, paisaxe, memoria e vida cotiá: elementos recoñecidos do lugar xunto con outros máis ordinarios que forman parte da experiencia diaria de quen o habita.

Pero o taboleiro non queda nunha representación gráfica. Nenas, nenos e adolescentes lévano ao espazo público e participan directamente na súa execución, pintando, construíndo e transformando colectivamente o lugar no que se instala.

O proceso pasa así da percepción á acción: aquilo que foi observado, descuberto e reinterpretado durante o proxecto materialízase na propia vila ou cidade e deixa unha pegada visible da participación da infancia e da adolescencia no espazo común.

O TABOLEIRO DE XOGO convértese deste xeito nunha nova cartografía do lugar, pero tamén nun espazo para xogar, atoparse e seguir descubrindo a vila desde outra mirada.

Grazas polo teu aporte