Escudo Rianxo

Ponteareas

transformando a vila COA PARTICIPACIÓN PROTAGÓNICA

 

reCOÑECENDO Ponteareas

 

A vida cotiá de moitas nenas, nenos e adolescentes transcorre entre diferentes “caixas”: a casa, o coche como caixa móbil e os espazos de destino —o colexio, o centro comercial, o polideportivo ou o parque infantil—. Entre unhas e outras, a rúa, a praza e os espazos públicos convértense con frecuencia en lugares de paso. Recuperar a relación coa contorna implica volver mirar, percorrer e recoñecer a vila como un lugar propio.

Sandra González Álvarez

 

 

Sandra:
Pechade un pouco os ollos e pensade neses lugares importantes para vós.
Eses sitios onde vos sentides cómodos, onde quedades cos amigos, onde xogades ou pasades tempo.

Pensade:
• Como son?
• A que cheiran?
• Que sons hai?
• Como é o tacto?
• Que vivencias tedes nese lugar?

 Vale, quen empeza?

 Neno 1

Neno 1: Cheira a terra.
Sandra: E que máis?
Neno 1: Tamén se nota a terra no tacto.
Sandra: Que fas alí?
Neno 1: Andar en bici.
Sandra: E que sons hai?
Neno 1: Paxaros, bicicletas… e golpes.
Sandra: Alguén sabe onde é?
Neno 1: Por Pardellas.
Neno 1: Está preto de Pardellas, si. É un circuíto de bicis.

– O circuíto de bicis

 Neno 2

Sandra: Seguimos. Pechamos os ollos outra vez.
Neno 2: Cheira a churros.
Sandra: Moi ben. E como é o tacto?
Neno 2: Como de tea, de roupa.
Sandra: E que vivencias tes aí?
Neno 2: Comprar roupa.
Outro neno: É a feira.
Sandra: Claro, por iso cheira a churros.

– A feira

 Nena 3

Nena 3: Cheira a árbores e natureza.
Sandra: E o tacto?
Nena 3: Hai bambús.
Sandra: Que sintes nese lugar?
Nena 3: Tranquilidade.
Sandra: É un espazo natural en Fontela, non?
Nena 3: Si.

– Un espazo natural en Fontela

 Nena 4

Nena 4: Cheira a comida.
Sandra: A que comida?
Nena 4: A carne.
Sandra: Como é o espazo?
Nena 4: É pechado. Escoítanse caixas rexistradoras.
Outro neno/a: O Mercadona!
Sandra: Exacto.

– O Mercadona

 Neno 5

Neno 5: É un lugar robusto. Cheira a natureza.
Sandra: Que se escoita?
Neno 5: Paxaros.
Sandra: E que fas alí?
Neno 5: Andar.
Outro neno/a: Unha ruta de sendeirismo.
Sandra: Moi ben.

– Ruta de sendeirismo

 Nena 6

Nena 6: Cheira a vacas e cabalos.
Sandra: Que máis?
Nena 6: Escoítanse os chocalos das vacas cachenas.
Sandra: E que fas alí?
Nena 6: Camiñar e merendar.
Outro neno/a: O Galleiro.
Sandra: Correcto.

– O monte do Galleiro

 Neno 7

Neno 7: Sabe a chuches.
Sandra: Hai moito ruído?
Neno 7: Si.
Sandra: Como é o tacto?
Neno 7: Como de pedra.
Outro neno/a: A tenda das lambonadas.
Sandra: Moi ben.

– A tenda de lambonadas

 Nena 8

Nena 8: Hai moita auga e cheira a cloro.
Sandra: Como é o chan?
Nena 8: Como de ladrillo.
Sandra: E que sensación tes?
Nena 8: Mollado.
Outro neno/a: A piscina.
Sandra: Exacto.

– A piscina

 Nena 9

Nena 9: Cheira a comida.
Sandra: Hai moito barullo?
Nena 9: Máis ou menos.
Sandra: É un sitio pechado?
Nena 9: Si.
Outro neno/a: O Túnel.
Sandra: Moi ben.

– Restaurante O Túnel

 Nena 10

Nena 10: Ás veces cheira a esterco e outras veces a natureza.
Sandra: Hai aire na cara?
Nena 10: Si.
Sandra: É unha finca?
Nena 10: Non, unha casiña na montaña.
Sandra: Agora entendemos.

– A súa casa

 Nena 11

Nena 11: Cheira a chuches.
Sandra: Como é o tacto?
Nena 11: Rugoso.
Sandra: Hai ruídos?
Nena 11: Si.
Outro neno/a: Hai flocos de millo e lambonadas.
Sandra: Moi ben.

– Outra tenda de lambonadas

 Nena 12

Nena 12: Cheira a comida, sobre todo a pizzas e macarróns.
Sandra: Hai moito ruído?
Nena 12: Algo.
Sandra: Como é o tacto?
Nena 12: Liso.
Outro neno/a: San Martín.

– Restaurante San Martín

 Nena 13

Nena 13: O chan é liso e de madeira.
Sandra: Que se fai alí?
Nena 13: Deporte.
Sandra: Que vivencias tes?
Nena 13: Ir á escola.
Outro neno/a: O Álvaro Pino.
Sandra: Moi ben.

– Pavillón Álvaro Pino

 Neno 14

Neno 14: Hai herba e moitas árbores. Tamén hai mesas para facer picnic.
Sandra: A que cheira?
Neno 14: A natureza, e ás veces un pouco a fume de coches.
Sandra: Que fas alí?
Neno 14: Xogar cos meus amigos.
Sandra: Onde está?
Neno 14: Preto de San Mateo.

– Parque preto da casa

 Nena 15

Nena 15: Ás veces cheira a terra mollada e outras a terra seca.
Sandra: Que sons hai?
Nena 15: Azadas traballando na terra.
Sandra: Como é o lugar?
Nena 15: Ten valados de madeira.
Outro neno/a: É unha horta.
Sandra: Exactamente.

– A horta

 Neno 16

Neno 16: Non cheira a nada especial, a aire normal.
Sandra: Como é o chan?
Neno 16: De pedra.
Sandra: Hai ruído?
Neno 16: Nenos berrando.

– Unha praza ou patio

 Nena 17

Nena 17: Cheira un pouco a suor.
Sandra: Que se escoita?
Nena 17: Xente correndo.
Sandra: Como é o chan?
Nena 17: Céspede.
Outro neno/a: Un campo de fútbol.
Sandra: Moi ben. Xa me parecía raro que non aparecese o fútbol.

– Campo de fútbol

 

A vila que se sente

Habitualmente, en A Vila do Mañá achegámonos á vila ou cidade a través da observación, convidando a nenas, nenos e adolescentes a identificar aqueles lugares, espazos e elementos que forman parte da súa experiencia cotiá.

Nesta ocasión propuxemos ampliar a percepción máis alá da mirada.

Como soa Ponteareas? Que texturas recoñecemos? Que cheiros asociamos aos seus lugares? Que sensacións, lembranzas e emocións nos permiten identificar un espazo sen necesidade de velo?

A través dun podcast colectivo, nenas, nenos e adolescentes exploraron Ponteareas desde o oído, o tacto, o olfacto, a memoria e os afectos. O grupo participante describiu lugares significativos a partir das sensacións que producen, construíndo colectivamente outra maneira de percibir, recoñecer e contar a vila.

A acción permítenos entender que a arquitectura e o espazo público non se experimentan unicamente coa mirada: habítanse co corpo e a través dos sentidos. Sons, superficies, temperaturas, cheiros, movementos ou lembranzas tamén constrúen a identidade dun lugar.

Apareceron así espazos de encontro, lugares de xogo, percorridos e recunchos cotiáns que forman parte da experiencia de nenas, nenos e adolescentes, revelando unha Ponteareas sensorial, afectiva e diversa.

Como é unha vila cando ampliamos a maneira de percibila?

Grazas polo teu aporte