Ponteareas
transformando a vila COA PARTICIPACIÓN PROTAGÓNICA
reCOÑECENDO Ponteareas
A vida cotiá de moitas nenas, nenos e adolescentes transcorre entre diferentes “caixas”: a casa, o coche como caixa móbil e os espazos de destino —o colexio, o centro comercial, o polideportivo ou o parque infantil—. Entre unhas e outras, a rúa, a praza e os espazos públicos convértense con frecuencia en lugares de paso. Recuperar a relación coa contorna implica volver mirar, percorrer e recoñecer a vila como un lugar propio.
Sandra González Álvarez
ENMARCANDO O SIGNIFICATIVO
Saímos á rúa cun marco dourado e unha pregunta: que merece ser enmarcado na túa vila ou cidade?
Nesta acción son nenas, nenos e adolescentes quen percorren a vila ou cidade, observan a súa contorna e deciden que lugares, edificios, elementos, paisaxes ou pequenos detalles son significativos para elas e eles. Non lles indicamos que deben mirar: son as súas eleccións as que constrúen o percorrido.
O marco convértese así nun dispositivo para deter a mirada. Ao colocarse diante dun elemento cotián, illalo momentaneamente do seu contexto e enmarcalo, aquilo que podía pasar desapercibido adquire unha nova presenza. Enmarcar é seleccionar, recoñecer e atribuír valor.
A acción toma como referencia Art Is… (1983), de Lorraine O’Grady, na que o marco dourado saía do espazo expositivo e se introducía nas rúas de Harlem, convertendo persoas, arquitectura e escenas cotiás en protagonistas da obra. En A Vila do Mañá trasladamos ese dispositivo á exploración da vila ou cidade para que sexa o propio grupo participante quen determine que forma parte da súa vila ou cidade.
A suma de todas estas eleccións constrúe unha cartografía colectiva e subxectiva: un retrato da vila realizado non a partir do que oficialmente se considera importante, senón daquilo que nenas, nenos e adolescentes recoñecen como propio.
Colorea a túa vila
A vila ou cidade na que estamos traballando convertida nun taboleiro de xogos, laboratorio de experimentación no que as nenas, nenos e adolescentes poidan actuar dende un novo punto de vista.
