Explora a nosa visión dunha cidade máis sostible, inclusiva e participativa.

 

Infancia e adolescencia: construír cidade e exercer unha cidadanía crítica.

 

 

Buscamos crear espazos nos que a voz de nenas, nenos e adolescentes sexa escoitada e poida ter influencia sobre a contorna que habitan. Recoñecemos o seu dereito a formar un xuízo propio sobre a vila ou cidade na que viven, a expresalo e a participar activamente na súa transformación.

A través do xogo, da arquitectura e da experimentación no espazo público, fomentamos a súa participación protagónica e a construción dunha cidadanía activa e crítica. Porque nenas, nenos e adolescentes non son só habitantes das vilas e cidades do futuro: son cidadanía do presente.

“Nun tempo tivemos medo do monte. Era o monte de lobo, do ogro, da escuridade. Era o lugar onde nos podíamos perder. Cando os avós contábannos contos, o monte era o lugar preferido para ocultarse os inimigos, as trampas, as angustias. […] Nun tempo, sentímosnos seguros entre as casas, na cidade, co vecindario. Este era o sitio onde buscabamos aos compañeiros, onde os atopabamos para xogar xuntos. Alí estaba o noso sitio, o sitio onde nos escondíamos, onde organizábamos a pandilla, onde xogabamos as mamás, onde escondíamos o tesouro…[…] Pero en poucas décadas, todo cambiou. Houbo unha transformación tremenda, rápida, total, como nunca a viu a nosa sociedade (polo menos segundo consta na historia documentada). […] O monte pasou a ser belo, luminoso, obxecto de somos e desexos. A cidade, en cambio, converteuse en algo sucio, gris, monstruoso. […] nos últimos decenios, e dun xeito totalmente evidente nos últimos cincuenta anos, a cidade, nacida como lugar de encontro e de intercambio, descubriu o valor comercial do espazo e alterou todos os conceptos de equilibrio, benestar e comunidade para seguir soamente programas de beneficios, de intereses. Vendeuse, prostituíuse. […] A cidade é agora como o monte dos nosos contos.”

Francesco Tonucci

Habitar a cidade desde a infancia

 

A relación entre nenas, nenos e adolescentes e o seu hábitat, o lugar no que medran, se relacionan e constrúen a súa identidade, foi debilitándose progresivamente. A súa vida cotiá transcorre cada vez máis entre espazos especializados e controlados polos adultos: a casa, o coche, o centro educativo, os recintos de xogo ou os espazos de consumo. Entre uns e outros, a rúa, a praza e os espazos públicos deixan de ser lugares para descubrir, explorar e facer propios, e convértense principalmente en lugares de paso.

Esta perda de autonomía limita as posibilidades de coñecer a vila ou a cidade desde a experiencia directa. Por iso, A Vila do Mañá propón recuperar o espazo público como un lugar posible para a infancia e a adolescencia: un lugar no que moverse, experimentar, relacionarse, tomar decisións e construír vínculos coa contorna.

O xogo é unha ferramenta fundamental para o desenvolvemento, a aprendizaxe e a relación co mundo. Durante a infancia aprendemos xogando, explorando e experimentando. Por iso, en A Vila do Mañá o xogo convértese nunha ferramenta para aproximarse á arquitectura, ao patrimonio, ao urbanismo e á paisaxe desde a experiencia.

Buscamos unha aprendizaxe que acontece na propia realidade: percorrer lugares coñecidos e redescubrilos desde novas perspectivas, experimentar co corpo e co movemento, ocupar o espazo e imaxinar outras maneiras de habitálo. Xogar na cidade é tamén unha forma de coñecela, cuestionala e comezar a transformala.

Como se desenvolve “A Vila do Mañá”

O noso obxectivo é que nenas, nenos e adolescentes estean presentes de forma activa nos procesos de construción do espazo común, ofrecéndolles ferramentas para observar, explorar, cuestionar e transformar a contorna que habitan. A través da ARTE, da ARQUITECTURA e do XOGO buscamos provocar novas maneiras de mirar a vila ou a cidade e construír vínculos de identidade, pertenza e responsabilidade cos seus espazos.

“Eu enfronto a cidade co meu corpo; as miñas pernas miden a lonxitude dos soportais e a anchura da praza; a miña mirada proxecta inconscientemente o meu corpo sobre a fachada da catedral, onde deambula polas molduras e os contornos, sentindo o tamaño dos entrantes e saíntes… Síntome na cidade e a cidade existe a través da miña experiencia encarnada. A cidade e o meu corpo compleméntanse e defínense un ao outro. Habito na cidade e a cidade habita en min.”

Juhani Pallasmaa

O seu hábitat convértese no seu TABOLEIRO DE XOGO e nun LABORATORIO DE EXPERIMENTACIÓN. A través da participación protagónica, nenas, nenos e adolescentes percorren, ocupan e transforman rúas, prazas, edificios e outros espazos da vila ou cidade, empregando o xogo, a arte e a arquitectura como ferramentas de acción.

Durante o proceso descobren e reinterpretan os elementos arquitectónicos, patrimoniais e paisaxísticos da súa contorna; experimentan con eles, vívenos e, sobre todo, gózanos. A experiencia directa permite construír novos vínculos de identidade e pertenza co lugar que habitan. A vila ou cidade cambia a través da súa mirada: deixa de ser un escenario polo que simplemente transitan para converterse nun lugar recoñecido, vivido e sentido como propio.

Queres saber máis?
Escríbenos

Lin e acepto a política de privacidade

Grazas polo teu aporte