El Correo Gallego 29/12
Vinte e un nenos e nenas de Vimianzo están participando activamente esta semana no programa A vila do mañá, que os converte en protagonistas e artífices da transformación e do futuro da súa localidade para que esta sexa máis sostible, segura e, sobre todo, para as persoas.
Trátase dunha iniciativa impulsada no ano 2016 pola arquitecta Sandra González, coordinada e patrocinada por Apatrigal, que ten como obxectivo que os máis novos “sexan os donos das vilas e cidades e exerzan o seu dereito a transformalas, previo coñecemento das mesmas”. Para iso os pequenos vimianceses están afondando no coñecemento da súa vila, facendo súas as rúas (na medida en que a choiva o permite) partindo dunha concepción do espazo urbano como un enorme taboleiro de xogo en tres dimensións para que “o exploren, recoñezan e sexan capaces de modificalo”, sinala a promotora.
O primeiro día pedíuselles que debuxasen o elemento ou espazo de Vimianzo que é máis significativo para eles, e “a resposta foi unánime: o castelo”. A partir de aí as nenas e nenos participantes construíron en 3D unha estrutura semellante.
O pasado martes, aproveitando que no chovía, desenvolveron unha proposta de urbanismo táctico, apropiándose da céntrica rúa Candil, que comunica a praza da Igrexa cun dos parques infantís, deixándoa baleira de coches por unhas horas. Nese tempo déronlle cor á rúa pintando trazos de distintas cores. “O que pretendemos transmitir é que as vilas e as cidades son das persoas”, afirma González Álvarez.
A este respecto subliña que a “maioría das vilas son camiñables en menos de 15 minutos e están rodeadas de zonas verdes”. Con este proxecto búscase promover unha concienciación da sociedade para recuperar para as persoas os espazos urbanos, que foron colonizados polos vehículos motorizados.
Sandra González considera que esta é tamén unha oportunidade para que os concellos repensen un futuro distinto para as nosas vilas, pero para iso é preciso “xerar vínculos de identidade cos lugares nos que habitamos”.
Ese é un dos fins deste programa, conformado por actividades que xiran arredor de sete conceptos fundamentais: a lingua, a percepción, o espazo, a paisaxe, a escala, a sustentabilidade e a cidade, e que ten como ferramentas necesarias o punto, a liña, o plano e o elemento tridimensional.
Trátase de que o lugar se transforme en algo dinámico, “que xa non é aprehendido, senón que pode ser modificado por eles mesmos, outorgándolles un papel protagonista que normalmente, na creación de espazos, non se lles dá ou queda reducido a un ámbito de xogo máis controlado, como o patio do colexio ou a área infantil coutada dos parques”.
A vila do mañá naceu despois da crise económica derivada do boom inmobiliario. Lonxe de servir de aprendizaxe, “olvidouse e volveuse a facer o mesmo, polo que pensei que esa era unha oportunidade para replantexar e repensar o que estamos a facer”, sinala Sandra González. Logo de percorrer a maioría dos concellos da ría de Arousa, e de pasar tamén por Malpica de Bergantiños e Carballo, o programa “está en continuo proceso de evolución” e a disposición de todos aqueles concellos que desexen aproveitar unha oportunidade para reformular o seu futuro.