El Comarcal (La Voz de Galicia) 26/11/2020 “Escolares participaron nun proxecto para descubrir o seu hábitat dende a arquitectura e a arte”
“Como recuperar a identidade dunha vila, e como podería ser de novo un lugar de encontro e de intercambio son, entre outras, as cuestións que explican o nacemento de ‘A Vila do Mañá’, un proxecto educativo e de divulgación co que se busca que a infancia, a través do xogo, tome conciencia do entorno no que habita, e estea presente de forma activa na construcción dos espazos comúns, outorgándolle, así, un papel protagonista, normalmente reducido a un ámbito de xogo máis controlado como son os patios dos colexios ou os parques infantís. O obxectivo do proxecto, que firma a arquitecta Sandra González, e o seu concreto desenvolvemento en Arzúa detállanse nun libro recentemente editado, logo da participación dun grupo de cativos da vila na experiencia.
A arte e a arquitectura foron as ferramentas educativas empregadas no deseño das actividades nas que participaron os pícaros, para os que Arzúa se presentou como o taboleiro do xogo da oca, con espazos significativos e de referencia en cada unha das casas. A escultura en pedra da queixeira que na céntrica praza de Galicia homenaxea a quen elaboran artesanalmente o produto que identifica ao municipio arzuán, unha etapa do Camiño de Santiago, o complexo deportivo da piscina municipal, a ermida barroca da Mota, o conxunto histórico que, no tramo urbano da ruta francesa, forman a rúa do Carme e das Dores, e algúns dos emblemáticos pazos do municipio están representados nese orixinal e inédito xogo da oca, formado, así, por elementos arquitectónicos, urbanísticos, paisaxísticos, artísticos e culturais que configuran a identidade de Arzúa.
Foron os escenarios nos que os cativos que participaron no proxecto desenvolveron actividades estructuradas a través de seis conceptos -a escala, a percepción, o espazo, a vila, a paisaxe e o desenvolvemento sustentable- e catro ferramentas: o punto, a liña, o plano, e o elemento tridimensional.“