El Correo Gallego  

                                                                                                                                                                                                                                                                                                                            

“Durante a Semana Santa cubríronse todas as prazas da segunda edición deste proxecto que conecta aos máis cativos coa súa contorna.

 

 

Unha valoración moi positiva. Ese é o resultado das xornadas postas en marcha para a cativada durante a Semana Santa no marco do programa A vila do mañá. Un proxecto educativo e de divulgación que, en verbas do departamento de Cultura do Concello arzuá, “a través do xogo e da creatividade transforma o lugar que habitamos dando voz aos que habitualmente non a teñen; aos nenos e aos adolescentes, impulsando o seu dereito para formarse un xuízo propio do hábitat no que viven e a poder expresalo e poñelo de manifesto”, sinalan fontes municipais.

A arquitecta Sandra González é a monitora e organizadora destas actividades que logran conectar aos máis cativos coa súa vila e que xa chegaron a varios municipios. Nesta ocasión o programa celebrouse os días 29, 30 e 31 de marzo e 1 e 5 de abril e nel participaron un total de trinta menores, completando todas as prazas convocadas.

Con esta iniciativa, que ao mesmo tempo serve para axudar á conciliación, “búscase tamén estimular unha actitude crítica dos máis novos para impulsar o seu desenvolvemento como unha cidadanía activa”, apuntan,

 

Durante as cinco xornadas os participantes desfrutaron de propostas en espazos do casco urbano como a Praza de Galiza, o Multiusos Terra do Queixo, o aparcadoiro municipal ou a contorna da Escola Infantil. A concelleira de Cultura, Aurora Varela, apuntou que este proxecto oferta “un espazo de lecer diferente, creativo e sustentable que traballou a paisaxe e o entorno urbano do noso día a día”. Confirmou que o Concello “fará todo o posible” para darlle continuidade. A primeira edición de A vila do mañá foi en setembro.”

 

 

Comparte!

Grazas polo teu aporte